Aínda que son pouco amigo de agasallos nas festas e celebracións “rituais”, aconsello para estas datas un libro-CD-DVD editado por Galaxia, BERROGÜETTO:O PULSO DA TERRA. Non vou facer unha crítica do traballo, porque creo que é preciso lér-escoitar-ver para ter unha idea máis completa do significado de Berrogüetto nos últimos 15 anos – e nos que aínda quedan – dentro do panorama musical galego que é, en definitiva, o mellor xeito de estar no panorama musical do mundo…Só quero, humildemente, engadir á biografía un capítulo que tén a ver con Ares e as súas xentes…
Lembro aquel 1 de Agosto de 1998. Na carpa que tiñamos montada para o que era a terceira edición de “Un mar de músicas” bulían cousas e persoas dun lado para outro, para a montaxe do concerto da noite, con dúas referencias musicais: o cantautor portugués Joâo Afonso, e os galegos Berrogüetto.
Ao tenderete de discos e camisetas achégase axiña un rapaz que merca a camiseta e convértea no “traxe de noite”. Era Guillerme Fernández “Guille”, co que persoalmente eu non tiña relación algunha máis ca de saber que tocaba a guitarra en Berrogüetto e de ter disfrutado – sen saber que era él – da súa vertente máis rockeira nunha actuación dun grupo no que tocaba ( creo que chamado “La banda del predicador” , no que andaba tamén Isaac Palacín ) nas festas do mar de Ares nese mesmo ano. 
Foi aquela unha noite memorábel, en todos os sentidos. Era a primeira vez que metiamos carpa para cubrir o festival, e acertamos: choveu…Salvamos os concertos, aínda que tamén sofrimos outra sorte de fenómeno, desta volta non axente meteorolóxico, senón simplemente axente recadador: a SGAE(!!!!). Nunca entendín aquello de que uns sres/as apareceran embolsándose unha cantidade de diñeiro ( con criterios indefinidos ) por un traballo que facían os músicos, e que pagabamos todas e todos do noso peto; aínda que os anos encargáronse de poñer moi claro todo isto ¿non?..
Pero volvo ao concerto. Berrogüetto – primeiro disco baixo o brazo – subía ao escenario cunha formación para moitas e moitos descoñecida: ao grupo engadíase Guadi Galego e tamén outra cantora-pandereteira da que non lembro o nome…. Non defraudaron, como se pode ver claramente nas fotos. Forza e entrega que, ao igual que á maioría d@s que alí estabamos, cautivaba tamén ao Joâo Afonso e os seus músicos, segundo me recoñecían persoalmente ao final do concerto.

No concerto: Joâo Afonso,
José Moz Carrapa,
Toninho Afonso,
Joâo Frazâo
( máis Juancho e un servidor…)
Dez anos despois – seguindo ao grupo musical e mesmo físicamente – a comezos de Xaneiro de 2008 recibo unha chamada telefónica do Xabier Díaz para me comunicar que Berrogüetto tíñalle feito unha proposta para substituir á Guadi, e que tiña contestado afirmativamente. Lembro que cando o Xabier me chama xá eu tiña recibido a “filtración” da nova por algún medio de comunicación; o que me permitíu non só emitir opinión, senón tamén contribuir – con respecto e humildade – ao ánimo nesa nova aventura musico-vital.
O Xabier – teño que dicilo con moita fachenda, para min – fora dos/as mozos e mozas cos que tivera oportunidade e honra de compartir os meus cativos coñecimentos da música tradicional entre os anos 81-82 no CPI de S. Valentín-Fene, argallando daquela un grupo xeitoso onde a música e a danza tradicional enchían as actividades que se desenvolvían nas vivas e activas entidades culturais e sociais da comarca.
Durante anos perdínlle a pista, ata que un día – ollando eu nun expositor dunha tenda de música – achegóuse a mín en actitude semi-policial, espetándome: “Sr. Doval ¿ que fai Vd. aquí?”…E confeso que, ata que se idendificou, non fun quén de recoñecelo. Sen dúbida, o tempo tiña pasado por todos pero – hai que dicilo – sobre todo por él….
Logo, foi máis doado facerlle seguimento: Rumbadeira, Músicas de Salitre, Nova Galega de Danza, Descarga ao vivo, Berrogüetto….E moi bós momentos – no persoal e musical – que foron especialmente emocionantes no agasallo que nos brindaron Guille e Xabier en Febreiro deste ano, cando o cumpreanos de Margocha….
E matino eu que sería hora xá de considerar a posibilidade real de recuperarmos “Un mar de músicas” da lembranza para tentar re-convertilo de novo na realidade vizosa e fachendosa que foi para Ares e para o panorama musical galego entre os anos 96 e 98. Pero iso, seguramente, haberá de dar para outro/s comentario/s máis adiante. Mentras tanto, desfrutade de Berrrogüetto, que é unha boa forma de exercermos de galegas e galegos….. E feliz 2012!!!